Sobreiras con futuro

DEZA

LORENA GARCÍA CALVO

Reportaxe | Os traballos de creación dun plan de conservación para o LIC do Arnego Unha empresa lucense de xestión medio ambiental iniciou xa os traballos de campo que servirán de base para redactar unha normativa que salvagarde o entorno natural

29 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A posta en valor e o coidado do Sobreiral do Arnego está máis preto ca nunca. Dende hai algúns meses técnicos da empresa lucense de xestión medio ambiental Ximena están a traballar no desenvolvemento dun Plan de conservación do espazo natural das sobreiras do Arnego, un entorno recoñecido como Lugar de Interese Comunitario, e adscrito á Rede Natura 2000. A empresa lucense, contratada pola Xunta, está a traballar na articulación do planeamento e da normativa que rexirá o sobreiral unha vez redactado o proxecto. Nos últimos días un equipo de técnicos de Ximena estivo realizando parte do traballo de campo coa colaboración dos veciños. Precisamente o luns tiveron unha xuntanza con algúns deles para coñecer a súa visión do sobreiral e das actuacións que poderían poñerse en marcha para o seu coidado. Segundo Ramiro Alvite, de Ximena, parte vital do traballo consiste implicar no proxecto aos veciños para explicarlles o que é a Rede Natura 2000 e adiantarlles cómo se regularán os traballos que se leven a cabo no sobreiral. Segundo Alvite, parte da súa misión consiste tamén en que a «xente coñeza o que é a Rede Natura 2000 e lle perda medo, xa que o que fai é repercutir positivamente na zona e poñer en valor o territorio». Porque, ao fin e ao cabo, o obxectivo do Plan de conservación é salvagardar o entorno natural do Arnego. Por isto a empresa contacta cos concellos (polo plan de ordenación do territorio) e colabora cos responsables da concentración parcelaria, para compatibilizar as dúas actuacións. Á vista do traballo de campo que a empresa de xestión medio ambiental leva feito no sobreiral, o estado de conservación do hábitat non é o máis idóneo debido ao modelo de explotación que se está a levar a cabo. Esta incompatibilidade coa Rede Natura solucionarase con actuacións como a regulación dos traballos de extracción da cortiza, e a delimitación das datas de retirada da mesma. Con medidas deste tipo, sumadas á limpeza e coidado do entorno garantiríase o futuro do sobreiral. Os técnicos de Ximena agardan convocar novas xuntanzas cos veciños para o vindeiro mes de setembro. Unha vez que o plan de conservación esté redactado, a finais de ano, publicarase un decreto que dará legalidade ao documento técnico de xestión do espazo natural.