En dous minutos | Feira do 21 de Piloño A quinta edición do encontro de artesanía inclúe un maratón popular e unha poxa
22 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro domingo o entorno da Solaina acollerá a quinta Feira de Artesanía do 21 de Piloño. Como en edicións anteriores, o programa inclúe un maratón popular, que comezará ás 11.00 horas, e no que os participantes percorrerán oito quilómetros polo entorno da parroquia cruceña. O ano pasado foron máis de 30 as persoas que se animaron a participar, e este ano agárdase incrementar o número. Nesta edición, ademáis, entregarase un premio de 10 euros a cada participante, o terceiro clasificado recibirá 20 euros, o segundo 30, e o primeiro 60. A parte máis vencellada á arte chegará cos obradoiros de artesáns. Arredor de oito mestres participarán nos talleres, entre os que haberá un obradoiro de olería de Gundivós, alfareiros de Buño, e canteiros do Deza. Os visitantes poderán ver en directo o proceso creativo das diferentes pezas cos distintos materiais. Por segundo ano a Feira do 21 contará cunha poxa de pezas de artesanía. Será a partir das 17.00 horas, e con ela preténdese recuperar a cultura da subasta, «algo moi vencellado ao noso pasado», lembra Paco Lareo, que insiste ademáis na importancia da actividade artesana como fonte de cultura. A nota musical á xornada de feira artesanal poñerana as formacións Punteirolo e Bico da Balouta, que actuarán en Piloño. Volta de Macedonia Paco Lareo regresou onte do intercambio cultural e artístico no que participou en Macedonia. O artista, moi satisfeito co balance do intercambio, participou en obradoiros de arte na capital macedonia e en distintas actividades vencelladas coa cultura local. Lareo adiantou que xa se comentara a posibilidade de pór en marcha intercambios de exposicións de artistas galegos con creadores macedonios coa fin de dar a coñecer as respectivas culturas e enriquecer a bagaxe dos artistas e amantes da arte dos dous paises.