A rúa do vento O festival As Nosas Músicas contou coa actuación de Ardentía, Xochilmica e Lamatumbá. A animación da festa correu a cargo de Festicultores
12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O festival As Nosas Músicas congregou onte, na parroquia estradense de Couso, a numerosos asistentes que se achegaron a escoitar as actuacións musicais de Ardentía, Xochilmica e Lamatumbá. A festa, organizada pola asociación cultural A Xesteira, contou coa animación de Festicultores, cun espectáculo de regueifas de Luis e Benito e co humor do arousano Carlos Blanco, que xa é un clásico deste festival. A música foi a protagonista da noite máis tradicional de Couso e a festa prolongouse ata altas horas da madrugada. Cuarta edición das xornadas de Verbo Xido A Asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, celebrou onte en Cerdedo a cuarta edición das súas xornadas Terra de Todos e Todas. Este ano, os actos estiveron dedicados á recuperación da memoria histórica e, como homenaxe ós asasinados de Cerdedo na Guerra Civil, inaugurouse en Pedre un monumento que foi sufragado polos veciños e amigos da zona. Ademais, Verbo Xido aproveitou a xuntanza para propoñer que a rúa Manuel Gutiérrez pase a levar o nome de Xosé Roxelio Otero Espasandín, mestre e escritor de Cerdedo que tivo que exiliarse. Festa da bicicleta en Vila de Cruces ? municipio cruceño celebrou onte a festa da bicicleta. Os participantes saíron as 18.00 horas da Praza do Concello e desplazáronse ata A Carixa, en Merza. Ó finalizar o traxecto entregouse un agasallo a cada participante, sorteouse unha bicicleta e houbo degustación de chourizos. Actividades culturais en Lalín Na xornada de onte os máis pequenos de Lalín poideron disfrutar dunha tarde repleta de actividades. Ademais de deixar voar a súa imaxinación coas historias dun contacontos, os nenos da zona tiveron a oportunidade de aprender a tirar con arco. Pola súa parte, a escola municipal de teatro achegou á Praza da Igrexa varios xogos populares que se intercalaban con preguntas sobre o concello de Lalín e o seu entorno.