Os madrileños e o Novás parten como favoritos do grupo dos galegos Os de Milucho comezan o campionato a fin de semana das festas das Dores
11 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Balonmán Portadeza Lalín de Primeira Nacional coñeceu onte os equipos que conporán o seu grupo na tempada de Liga 2006/2007, así como o calendario oficial de competición. Non houbo grandes sorpresas, e o que predomina no grupo da vindeira tempada son os vellos coñecidos. O Portadeza debutará na Liga enfrontándose ao equipo co que iniciou a pasada tempada: a Sa-Fa. O que cambia é o escenario, xa que o ano pasado o primeiro encontro desputouse en Madrid, e nesta ocasión o partido será en Lalín. Novamente a fin de semana inaugural da Liga en Primeira Nacional coincidirá cas Festas das Dores. Haberá que esperar ata entón para comprobar se o arranque ligueiro do Portadeza é igual de positivo que o da pasada tempada, cando os lalinenses comezaron a campaña cun auténtico golpe de efecto ao arrasar a domicilio aos madrileños cun 28-37 no marcador final. A priori, a Sa-Fa e o Novás son precisamente os dous rivais máis fortes do grupo A, no que compite o Portadeza. O Novás firmou a pasada tempada un excelente papel na Liga, na que rematou segundo, e que completou cunha gran actuación na fase de ascenso. Ademáis, o conxunto do Rosal reforzouse de cara á vindeira tempada, o que fai presaxiar que sexa un dos serios aspirantes a repetir na fase. Pola súa parte o Portadeza prefire quitarse clichés de enriba, e agardar acontecementos. Os descoñecidos A maior parte dos equipos cos que se verá as caras o Balonmán Lalín a partir de setembro son xa vellos coñecidos. Novamente o Portadeza verase as caras cos equipos madrileños, e co Ademar leonés. Os asturianos non están desta volta no grupo galego, ao que se incorporaron o Balonmano Arroyo de Valladolid, e o Labaro Toledo Balonmano, as grandes incógnitas do grupo. Valoración O presidente do Balonmán Lalín, Nicolás Varela, cualificou aos rivais do Portadeza como un «grupo atractivo e competitivo». Para o directivo, é positivo que os dous primeiros partidos da Liga sexan contra dous dos rivais máis fortes: Sa-Fa e Bueu, xa que este inicio de tempada esixiralle aos xogadores a máxima concentración durante toda a pretempada.