«A avaliación deste curso en Lalín é altamente positiva»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Entrevista | Hipólito Cabezas DIRECTOR DA ESCOLA DE GAITAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA Os corenta e oito alumnos da escola dezá ofrecerán hoxe unha actuación como remate do curso

28 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Coa entrega dos diplomas acreditativos de asistencia a clases e cunha actuación musical, ás 20 horas, pecharase hoxe no auditorio de Lalín as clases no seo da Escola de Gaitas e Percusión. Acto ao que asistirá o director da escola, o alcalde de Lalín e o presidente ou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, dependendo da disponibilidade das axendas. -¿Que avaliación pode facer deste segundo curso? -Realmente foi o primeiro ano completo da escola aquí en Lalín. O ano pasado foi o que chamamos curso cero, xa que impartimos ensinanzas só no último trimestre. A avaliación deste curso en Lalín é altamente positiva en todos os sensos. Contamos cun grupo de alumnos con idades comprendidas entre os seis e os case sesenta anos e o grupo traballou arreo. -Non sería nada doado impartir clase a un grupo tan dispar... -Fixemos varios grupos aínda que logo á hora de ensaiar algunha cousa se fixo en conxunto. Todos, cativos e adultos, se tomaron moi en serio as clases. Viñan a aprender e así o demostraron nestes meses. Esta noite, coincidindo co acto de peche do curso, a totalidade dos alumnos ofrecerán unha mostra do que aprenderon; que non foi pouco. -Semella que o que non custa nada se toma menos en serio... -Nalgún caso é así. As clases na escola son gratuitas pero en ningún momento se converteron nunha festa. Que se divirtan esta ben, é creo que así ocurriu, pero tamén había que cumprir cunha programación e así se fixo. -¿Haberá entrega de diplomas aos asistentes? -Por suposto. É moi importante para eles contar cun diploma que recoñece un ano de traballo. -¿Preparando o vindeiro curso académico? -Pensando nel. Será o ano da consolidación da escola en Lalín e en setembro, do 11 ao 18, abriremos a matrícula para os alumnos.