Mourón codearáse co pelotón profesional no Naranco convocado pola selección española

La Voz LA VOZ | A ESTRADA

DEZA

07 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O corredor betanceiro do C.C. Estradense-Hierros Diego, Juan Mourón, vén de ser convocado coa selección española elite e sub 23 para participar a vindeira semana na Subida al Naranco. Mourón, que no 2002 xa competira co xersei nacional xuvenil na Vuelta a Valladolid, recibíu o merecido premio á súa prometedora progresión, reflectida nos seus brillantes resultados no primeiro tercio da presente tempada. Os seus triunfos no Trofeo Santiago de Palencia, Klásica San Rokillo de Balmaseda e Gran Premio San Xosé de Vigo encabezan o seu extenso palmarés do 2006, que ten no sexto posto no Memorial Rodríguez Iguanzo (derradeira proba da Copa de España) a súa última muesca. Mourón codearáse o vindeiro mércores en Asturias cunha nutrida representación da elite do pelotón profesional internacional. Faráo formando parte dunha convocatoria nacional na que tamén figuran os elites Didac Ortega (valenciano do F.C. Barcelona), Isaac Escolá (catalán do F.C. Barcelona), Manuel Jiménez (castelán-leonés do Soctec), Jorge Pérez (madrileño do Fuenlabrada) e Sergio Cuesta (asturiano do Endeka); e mais os sub 23 Alberto García Oblanca (asturiano do Alfus Tedes) e Guillermo Lana (navarro do Azysa). Mourón será substituído polo asturiano do SúperFroiz Joaquín Sobrino no combinado español que tomará parte posteriormente, do 16 ao 20 de xuño, na Vuelta a Asturias. Campeonato de Europa O seleccionador nacional elite e sub 23, Juan Carlos Martín, explicou esta semana que «al Naranco llevo a tres sub 23 con la idea de ir probando a chavales de cara a nuestra primera gran cita del año, el Campeonato de Europa».