Un extenso programa de actividades ata final de ano

La Voz

DEZA

Acompañado polo xerente da Fundación Deporte de Lalín, Paco Domínguez, o alcalde presidíu a presentación do primeiro programa de actividades do novo ente público, destinado á potenciación do deporte base local. O cartel, que se prolonga ata decembro, arrincará o vindeiro día 17 coa celebración da fase final galega de fútbol na rúa benxamín e alevín. Tamén neste mes está prevista a Lalín Balonmán Cup. Entre os días 23 e 25 varias das melloras canteiras de España e Portugal daránse cita na capital dezá para disputar tres trofeos: infantil masculino e outros dous de cadete masculino e feminino. En xullo arrincará o deporte na rúa. Ata agosto a localidade disfrutará os luns, mércores e venres de actividades pensadas para tódalas idades. Tamén en xullo Lalín será o escenario da maior concentración de promesas sub 18 do rugbi feminino nacional. Entre os días 10 e 13 participarán nunha concentración que terá o seu broche de ouro do 14 ao 16 cun seven internacional. En agosto a Fundación organizará un torneo de fútbol 3x3 con data aínda por definir. Do 1 ao 3 de setembro ten prevista a Lalín Fútbol Cup infantil, cadete e xuvenil, e en outubro un Master Class de natación. Ademais, entre setembro e decembro desenvolverá un ciclo de conferencias baixo o marco dunha Aula do Deporte. Profesionalización Crespo agarda que a Fundación cale pronto entre a sociedade lalinense, e que co seu crecemento axude a camiñar cara a «profesionalización dos servicios deportivos dedicados á base». O vindeiro ano a Fundación encargaráse de repartir as axudas municipais aos clubs con canteira.