Reafirmarse no apoio ao galego cun espectáculo

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

MIGUEL SOUTO

A PENÚLTIMA O grupo dezao da Mesa pola Normalización Lingüística celebrará o 12 o primeiro acto

08 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Baixo o lema de Descubre o teu punto G , o grupo de traballo da Mesa pola Normalización Lingüística que se constituiu recentemente na capital dezá programou para o 12 de maio a súa primeira actividade: un espectáculo multimedia, que se estreará ás 21 horas no Salón Teatro do Auditorio Municipal de Lalín. «É un paso importante para nós, e estamos contentos coa resposta que atopamos por parte dun montón de xente no momento en que prantexamos organizar este tipo de actividade», explica o responsable do grupo dezao Luis Couto Lorenzo. «É un espectáculo no que haberá música, contacontos, teatro e poesía. É un xeito de redescubrir a nosa identidade co galego, coa nosa lingua e co noso patrimonio. É un primeiro paso que nos aporta novos folgos para pensar en novos campos e impulsar campañas de diversa índole. Salientar que o grupo non está pechado e que todas as persoas que desexen formar parte do mesmo, están a tempo de incorporarse», comentou. Un espectáculo que se inclúe na programación cultural do Concello para este mes de maio, e no que tamén se conmemorará o Día das Letras Galegas. Con tal motivo, o vindeiro día 17, ás 13 horas no museo farase entrega dos premios de Relato Curto Varela Buxán e presentarase o libro cos textos que foron premiados na pasada edición. O xurado de dito premio mantivo onte unha reunión co gallo de elexir os mellores traballos que optan aos galardóns. Por outra banda, o departamento de Cultura tamén anuncia dúas representacións teatrais. O venres, 19 de maio ás 21.30 horas, Teatro de Ningures porá en escea Tartufo , de Molière; e o 26 tocaralle o turno ao grupo Arlequín de Santiso que estreará a obra As alegres casadas de Windsor , orixinal de William Shakespeare.