Tócame coller outra vez o bolígrafo para escribir en circunstancias nada agradables para ninguén en momento así de tristes. Neste caso foi unha sorpresa que nos deixou a todos sen camisa, como se soe dicir. Don Benito García Fernández, O Xastre de Donramiro, deixounos o pasado venres para ser directivo noutros sitios moito máis doados que acá abaixo segundo nos di a nosa relixión. E digo o de directivo porque este home foino moitos anos do Club Deportivo Lalín. Desde a súa fundación axudou a case tódolos presidentes que o noso club de fútbol tivo. A parte de ser amigo persoal do Xastre de Donramiro, fun tamén compañeiro del nesas tarefas deportivas durante moitos anos, e podo dicir que fixo de todo: taquilleiro, delegado desde os máis cativos aos máis grandes, e todos o lembrarán coa súa bolsa dos boletos para facer o sorteo das rifas nos descansos dos partidos do Cortizo. Sei de seguro que a directiva do noso club vai estar á altura das circunstancias nestes casos, cousa que lle agradezo de antemán en nome dos afeccionados e dos ex directivos que me pediron que escribise estas letras. Aproveito tamén para darlles as condolencias aos nosos amigos do Club Balonmán Lalín, pois O Xastre de Donramiro tampouco se perdía un partido no Pavillón Municipal. Así como tampouco se perdía ningún concerto das nosas bandas de música, tocaran onde tocaran. ¡Amigo Benito, aquí abaixo supóñome que ninguén che deu tan sequera as gracias por tanto que traballaches axudando en todos estes eventos! Pero se é certo que hai algo máis aló do que vemos, de seguro que baixo este manto da Nosa Señora de Montserrat entrarás alá arriba triunfalmente rodeado de celestiais músicos que tocan coma nunca te puideches imaxinar. Á súa dona, aos seus fillos, aos seus irmáns e demais familia, un abrazo de todos e a seguir loitando, pois sabedes que este tinglado está así montado, e así seguirá. Pois eles o único que fan é adiantársenos un pouquiño no tempo. D.E.P., amigo Benito.