Balonmán | Sen prazas en Córdoba nin Sevilla A coincidencia da fase coa feira de abril, coas festas cordobesas e coa ponte de maio está dificultado que o club dezao atope suficientes habitacións, algo que non preveu a Federación
12 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Logo da elección de Palma del Río como sede da fase de ascenso o que toca é preparar a viaxe, algo que se está a converter nunha auténtica odisea para o club dezao, e posiblemente tamén para o Anaitasuna e o Sant Martí. Atopar prazas hoteleiras para a comitiva do Portadeza nas proximidades de Palma del Río é xa practicamente imposible. Os hoteis e pensións da localidade cordobesa non dispoñen xa das suficientes habitacións como para acollere aos xogadores e corpo técnico xa que a fase coincide coa ponte de maio, e cunha época chea de festexos nas provincias andaluzas. As opcións de Córdoba e Sevilla xa parecen estar tamén descartadas. A capital andaluza atoparase inmersa en plena feira de abril, e en Córdaba por esas datas celébranse os actos das Cruces de maio. Con este panorama, non é de extrañar que a directiva do Portadeza esté traballando a reo para conseguir hospedaxe. Aínda que agardan atopar espacio nalgunha localidade máis próxima, o club xa se encargou de bloquear unha reserva nunha localidade a 100 quilómetros de Palma, por se non conseguen atopar un hotel máis próximo. Segundo comentou o presidente do club, Nicolás Varela, «nin hoteis de cinco estrelas nin pensións. Non hai nada libre preto de Palma del Río». E iso, a pesar de que o presidente do club anfitrión está a colaborar co Portadeza para conseguir un hotel canto antes. Sen previsión A organización da viaxe, e sobre todo a busca do hotel, está a resultar unha ardua labor. A situación na coa que se está atopando o club lalinense contrasta cun dos argumentos da Federación de Balonmán para otorgar a sede. Segundo o organismo oficial, un dos puntos que se tivo en conta para a elección, era a dispoñibilidade de prazas hoteleiras, un argumento tirado polo chan á vista dos acontecementos. Nicolás Varela lembrou que de celebrarse a fase en Lalín, os clubs non se terían atopado con ese problema. O presidente do Lalín comentou que unha das razóns polas que os clubs se atopan agora sen prazas é pola elección da fase con tan pouco tempo de antelación.