Orellas e filloas

DEZA

AO TRASLUZ | O |

18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O ANTROIDO, aínda que a súa data oficial é a próxima semana, xa comenza a celebrarse. Agora son cada vez máis os que o adiantan xa os domingos anteriores para que os seus comensais non teñan que acudir catro días seguidos de festa, como ocorría ata fai pouco. Así que xa podo decir que provei as flores, as orellas e as filloas. Elas suceden na mesa a un bo cocido, que hoxe é protagonista en Lalín, pero sempre están presentes por estas datas nas nosas casas. Todos comparten protagonismo nesta época, por non falar da sopa en agua de galiña de primeiro. Hoxe vou falar dos protagonistas da sobremesa, porque o cocido xa se sabe que é o gran triunfador da xornada e xa todos coñecen as súas cualidades e o bo paladar que deixa. As orellas, as filloas e as flores son un postre moi diferente o que normalmente estamos acostumados no resto das citas festivas do ano. En lugar de acudir as pastelerías a compralas, son moitas as amas de casa que optan por dedicarlle unha tarde e facelas elas na casa. Fariña, ovos e aceite enchen as mesas de cociña o día antes do convite e toca converterse en reposteira por un día. A sorte non sempre é boa. É de todos coñecidos as palabras de que «cando as fago para os da casa saen perfectas, e cando hai festeiros sempre lle pasa algo». Pero a pesares de que non sempre teñen a presentación que queren as súas executoras, tamén o é que moi poucas veces quedan sobre a mesa. É un postre destas datas e sábese que ao mellor ata dentro dun ano non se poden a volver probar esas filloas con mel, con azúcar ou con nata. Aínda que xa hai modalidades máis atrevidas: meterlle chocolate no medio e despois metelas un pouco no microondas, de tal forma, que se converten en filloas recheas de chocolate. Menos variedades permiten as orellas e as flores, pero seguro que xa hai quen lle incorporou algunha novidade única. E agora, xa me entrou a fame.