O libro sobre a terra de Camba, agardando só a ser imprimido

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

En dous minutos |?Unha ansiada publicación Na intención do Concello de Rodeiro está facer chegar un exemplar a cada familia

31 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Só falta que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, autorice a súa entrada na imprenta para que o libro Rodeiro, unha terra con historia esté máis perto de poder ollarse. Precisamente aproveitando a súa visita a Rodeiro mañán, está previsto facerlle entrega do exemplar orixinal e dun cedé con todos os artigos e fotografías que compoñen este traballo que coordinou o concelleiro de Cultura, Luis López, e que levou a cabo Xoán Carlos García Porral. Un amplo traballo que se estructura en dúas partes: xeografía e medio natural, e historia, arte e patrimonio no que non faltan os mapas de ubicación de determinadas zonas do termo municipal e mesmo fotografías. Pero os textos son os que máis abundan neste libro que pasará a converterse no primeiro destas características que terá o municipio, malia que no ano 1995 a Deputación e a Xunta sacaran unha publicación sobre Camba na que abundaban sobre todo as testemuñas fotográficas. Artigos de Luis Fernández, Xosé García Oro, Antonio Presas, César Gómez Buxán ou Nicandro Ares Vázquez integran os trece temas que se abordan nesta publicación que poderían contar con dos centos de páxinas. A intención do Concello de Rodeiro é que se faga unha tirada ampla de exemplares para que cada familia do municipio poida contar no seu fogar cun libro e que dita obra chegue tamén as bibliotecas da comarca, para que poida ser utilizado como material de consulta, e agarda que tamén se poida vender nas librerías para que esté ao alcance de todos os interesados. As lendas e as lembranzas que atesouran os vellos de Rodeiro non se recollen nesta publicación malia á intención que amosara nun principio o concelleiro de Cultura. O libro é xa de por sí bastante extenso cos artigos adicados ao rico patrimonio do municipio, a súa historia, xeografía e medio natural polo que se aposta por levar a cabo a recopilación de toda a sabiduría lendaria dos vellos noutro libro diferente. Para elo será preciso ir percorrendo as casas, falar cos lugareños, ir plasmando sobre o papel todas esas lembranzas e posteriormente ir coordinando todos os artigos para unha nova publicación.