Coa bicicleta a costas

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Crónica | Comeza a tempada de ciclocross Varios deportistas do Club Ciclista Estradense Hierros-Diego participan esta fin de semana na primeira proba do calendario de ciclocross, que se desputará no concello coruñés de Cambre

02 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O vindeiro sábado dará comezo en Cambre a tempada de ciclocross, que se prolongará ata o 6 de xaneiro, e que comprenderá, ao igual que o pasado ano, un total de dez probas. O circuito Diputación de A Coruña dá así o pistoletazo de saída a unha disciplina cunha dobre vertente: mentras que a meirande parte dos clubs galegos enfocan o ciclocross como un complemento para preparar a tempada de ciclismo en estrada, outros equipos afrontan as carreiras coa vista posta nos podios. O Club Ciclista Estradense Hierros-Diego é un dos conxuntos galegos que enfoca o ciclocross como un xeito máis para adestrarse e para que os deportistas recuperen a forma física logo do período de descanso. A plantilla de ciclocross do Hierros-Diego para esta tempada compóñena un total de oito corredores élite- sub 23, catro cadetes e dous veteranos, pero só algúns deles partidiparán sábado na proba de Cambre. Históricamente, a participación do equipo ciclista estradense nesta competición saldouse con bos resultados, a pesar de que practicamente ningún dos seus corredores realiza o adestramento específico da modalidade. A pasada tempada Óscar García subiu ao podio das dez probas que compoñen o campionato, e rematou sexto na proba española, estando a piques de acudir coa selección aos mundiais. Novamente este ano o corredor tentará firmar boas actuacións, pero o seu debú na categoría élite prevelle maior competencia. O Spol do Porriño será o rival a bater ao longo de toda a tempada de ciclocross, xa que o equipo é un dos poucos conxuntos galegos que traballa de xeito específico esta modalidade. Óscar Vázquez, do Carballeiro, e Narciso Piñeiro, do Spol, son os máximos aspirantes ao podio na categoría élite, claro que, como en todo, hai unha marxe para as sorpresas.