O SOL | O |
29 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A PRIMEIRA vez que miña avoa tomou unha aspirina xa tiña ben cumplidos os setenta anos. Agora os nenos xa nacen rodeados de apiretales , xiringas e demáis industria farmaceutica. Por aquí todo o mundo comenta que «eu non chego aos 100» ou «eu xa firmaba». O «antes a xente estaba feita doutra pasta» tamén ten seguidores. O caso é que en Deza e Tabeirós abundan os centenarios como Cándido, que festexou onte 103 anos dos que a maioría de nós non poderemos presumir. Entre teorías de selección natural e lembranzas da comida «máis sana» que había antes, a xente xustifica as máis de 100 primaveras. Aos maiores, maiores, gústalles lembrar iso de que antes todo o que comían era sano, que nacía na horta da casa, nada viña embotellado, embolsado ou embotado, e ¡váiame deus!, moito menos precociñado. Outro dos argumentos que fan acto de presenza nas conversas cando se fala de lonxevidade soe ser o ritmo de vida. O estrés din que non é bo para ninguén, que acurta a vida e que che deixa un aspecto pouco favorecedor. Non serei eu a que o negue. O caso é que alá polas primeiras décadas do século pasado a xente vivía con máis calma, e iso tamén é saudable. Agora, a miña cuestión preferida: o tabaco. Coñezo a maiores, maiores, que presumen de anos e de tabaco, «levo fumando toda a vida e nunca un pitillo me fixo mal». Hainos que á frase lle inclúen a copa de augardente para lembrar os bos momentos vividos preto da lareira, coa baralla de cartas na man, ou mesmo traballando a reo. Son da opinión de que por moito que a ciencia avance, os vellos do futuro non chegarán igual de espabilados aos 100 anos como o fan os de agora. Por moita química que nos metan, por moita alimenación saudable que gastemos , a xente de antes está feita doutra pasta.