Ferrol del Carrillo

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

03 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECE SER que o vindeiro día 9 se lle vai a tributar unha (outra) homenaxe a Santiago Carrillo, esta vez na cidade que vira nacer ó dictador Franco. Estou pensando que de ser ó revés, é dicir, que se lle tributara unha homenaxe a Franco en Xixón, onde naceu Carrillo (xa sei que sería altamente improbable), a progresía poría o berro no ceo. Non vou comparar ós dous homes que acabo de citar, porque tódalas comparacións son odiosas, pero si quero deixar claro que os dous teñen que ver con actos arripiantes que de seguron nos poñerían a pel de galiña de telos observado de preto. De Franco xa está dito todo, ou case todo, porque seguen a aparecer libros cada ano que pasa. De Santiago Carrillo non se ten tanto publicado, pero si o suficiente para saber que estaba de «consejero de orden público» cando este cargo era precisamente responsable dos cárceres de Porlier, Modelo, San Antón ou Ventas, prisións de onde foron «sacados» miles de presos para seren fusilados en Paracuellos del Jarama. Se Carrillo non fose cínico, non se escudaría en declaracións coma as que ten feito en anos sucesivos dicindo que el só quería trasladalos a outros lugares para que estivesen a salvo. Por iso coido que, a pesar de que fixemos unha transición que foi infinidade de veces posta coma exemplo do que debía ser una transición ben levada, hoxe seguimos tendo certa distancia e desequilibrio entre as distintas ópticas que nos levan a xulgar a tal ou cal personaxe. Está claro que, se o personaxe en cuestión militou no bando que gañou a guerra, está condenado a ser agora «fusilado» pola opinión pública, aínda que tivese detalles de humanidade, mentras que se o personaxe en cuestión militou no bando dos vencidos, ten dereito a ser considerado un heroe o un mártir da causa, aínda que fose un torturador. Coido que aínda temos que facer unha segunda transición, que nos leve a equilibrar, a sopesar e a xulgar ás persoas pola súa conducta e non pola súa ideoloxía. A min, que non son sospeitoso de progresía ningunha, non me doen prendas en sinalar que admiro a un home de esquerdas da integridade de Julián Besteiro. Pero, eso si, non me pidan que faga o mesmo con Largo Caballero ou con Carrillo. Rochi@terra.es