En dous minutos| Reformas nos centros de ensino das comarcas do Deza e Tabeirós O colexio público de Silleda e o Xesús Golmar rexistraron importantes melloras de cara ó novo curso
02 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro día 12 os espertadores soarán cedo para os escolares do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. E os centros de ensino público ultiman os preparativos para recibilos. O colexio público de Silleda foi o centro que rexistrou un maior número de reformas de cara ó novo ano académico. Así, as aulas sufriron unha nova ubicación e distribución de espacios. A súa directora, Idoia Cid, sinalou que moitos dos mestres dos últimos anos non tiñan aula propia e o que se fixo foi ubicar a cada profesor na súa aula. Ademáis, os problemas de son da clase de música obrigaron a trasladala para a parte baixa do edificio, e solicitouse a súa insonorización. O equipo directivo ubicouse na mesma planta e habilitáronse ademáis tres novas aulas: unha para o despacho do orientador, outra para linguaxe e dicción, e unha terceira para psicoloxía terapéutica. Este ano poráse en marcha no centro o plan experimental para a potenciación da lingua inglesa entre os máis pequenos, e habilitouse tamén unha aula para estas clases. Fóra das aulas, comezaron tamén os traballos de adecentamento previos á posta en marcha do pavillón. Outro dos centros de ensino que está a rexistrar importantes melloras é o lalinense Xesús Golmar. As súas instalacións deportivas son as protagonistas da reforma: arranxouse o pavillón e asfaltouse a pista de fóra, que agarda aínda unha man de pintura. Asimesmo, Susana Godoy, directora do Golmar , confirmou a instalación dun ascensor coa finalidade de eliminar barreiras arquitectónicas a aqueles nenos que se despracen en cadeira de rodas. Nos centros públicos de Figueroa e Oca os traballos de mellora son máis pequenos, pero non menos importantes. No primeiro estase equipando a nova unidade de educación infantil, mentres que no segundo a tarefa pendente é un chan de corcho para as aulas dos máis pequenos, que o concello estradense espera ter colocado o primeiro día das clases. No colexio cerdedense San Xoán Bautista pintáronse xa as liñas para facilitar o aparcamento dos autobuses, pero o arranxo do mobiliario está aínda sen rematar. O chan do ximnasio do colexio de Merza xa ten corcho, e as aulas recibiron unha man de pintura. E o Nosa Señora das Dores , en Forcarei, terá a cociña arranxada e as aulas recén pintadas para o novo curso. O resto dos colexios das comarcas non precisaron reformas. Pero pode dicirse que do arranxo destes pequenos detalles dependerá que o curso comece con mellor ou peor cara en moitos centros.