A hora de contribuir a As Dores

Betti Vázquez lalín

DEZA

MIGUEL VILLAR

En dous minutos |?A comisión de Lalín inicia o petitorio no pobo O programa festivo deste 2005 supón unha inversión que ronda os cento cincuenta mil euros

26 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Queda menos dun mes para que Lalín honre un ano máis á súa patroa ao longo de cinco días de festa onde o deporte e as actividades lúdicas compartirán de novo cartel coa verdadeira protagonista: a música. Pero un programa festivo tan completo como é o da capital dezana require tamén un elevado investimento, que nesta ocasión acadou os vintecinco millóns das antigas pesetas, ou o que é o mesmo, algo máis de cento cincuenta mil euros. Dende a comisión de festas sinalan que só quedan trinta e seis mil euros para completar o presuposto. «Nos dous polígonos do concello xuntamos oitocentas mil pesetas, pero aínda faltan media ducias de empresas por dar», indica o tesoureiro Amalio González. O Concello de Lalín colaborou con sesenta mil euros, e a contribución polos postos do Campo da Feira será de vintecatro mil euros. Outra parte importante do presuposto palíase todos os anos coas aportacións dos veciños. Nesta ocasión aínda non puideron participar na financiación dos concertos, pero a oportunidade chegará a vindeira semana. Os propietarios dos pubs lalinenses, colectivo encargado este ano de recoller as aportacións de cada familia para estas festas, comezarán o luns a súa ronda polas casas. Dado que non existe unha cuota fixa establecida, dende a organización «apelamos á conciencia da xente para que cadaquén colabore co que boamente poida», explica González. Lalín demostraba o ano pasado co concerto de Chenoa que as actuacións de pago non son ben recibidas neste concello. Sen embargo, a comisión de festas decidiu cobrar a entrada do grupo ourensán Los Suaves «coma unha axuda da xuventude para as festas», ao ser só de cinco euros o prezo da entrada. E desta vez a cantidade parece acertada, porque a venta anda xa polas mil entradas, das cinco mil existentes.