A Subida a Cerdedo redúcese a un único día de competición

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A organización suprime as dúas sesións de adestramentos do sábado A proba celebrárase este domingo con 57 inscritos e o mesmo trazado de 4,2 quilómetros

18 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O Campionato Galego de Montaña chega este domingo ao seu ecuador coa celebración da quinta proba do calendario oficial, a Subida a Cerdedo, posuidora do segundo coeficiente máis alto da competición (7). Organizada pola Escudería Ciudad de Pontevedra, a cita cumpre a súa quinta edición cun importante cambio. E é que a Subida a Cerdedo reducíu os días de competición de dous a un, ao suprimir os seus responsables os dous adestramentos que ata agora se viñan facendo na véspera da proba. Os participantes disporán así tan só dun único adestramento previo ás dúas mangas válidas para a clasificación, o mesmo domingo a partir das 09.30 horas. O que si se mantén é o trazado do ano pasado, 4,2 quilómetros na estrada entre Cerdedo e Presqueiras, con saída a 500 metros da N-541 e chegada na estrada de Carballás, a 300 metros do cruce co vial a Presqueiras. Para establecer o gañador teráse en conta tan só o mellor tempo de cada piloto nas dúas mangas oficiais, que deberán completar obrigatoriamente para entrar no cómputo da clasificación final. Pechado o prazo de inscripción na noite do martes, a V Subida a Cerdedo contará cun total de 57 participantes, 4 menos cá no 2004. Entre eles non estará o gañador das dúas últimas edicións, o ourensán José Antonio Gómez, retirado, nin tampouco Moncho Fernández, vencedor da recente Subida da Cidade de Pontevedra e nestes momentos segundo na xeral do Galego de Montaña. Si estarán en cambio o líder da mesma, o asturiano Óscar Palacio (Speed Car GT), xunto co terceiro, cuarto e quinto clasificados, Benito Varela, Cristóbal Serantes e o navarro Íñigo Martínez, aos mandos de sendos fórmulas. Os catro parten como favoritos á sucesión de José Antonio Gómez. As verificacións dos vehículos serán, mañá a partir das 17.00 horas na biblioteca e no pavillón municipais, o limiar da Subida a Cerdedo.