O SOL | O |
17 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CADA POUCOS días as vilas e localidades da zona déixanse levar polo balbordo e as ansias e enchen prazas e rúas de tendas de quita e pon onde pode un atopar de todo. As feiras e mercadiños levan alá por onde van o ruído e axetreo de vendedores, as preguntas de compradores, e outros clásicos das ventas na rúa. Toallas cheas de cores; zapatos e zapatillas de toda clase e condición; roupa de verán e modelitos de inverno teñen de veciño todo tipo de productos de tempada. Pouca xente hai que sexa capaz de resistirse a pasear por entre os postos sen baleirar a carteira e chegar á casa con bolsas de plástico azul. Cortinas e visillos son parte dos clásicos dos postos ambulantes que non deixan escapar tendencias e que che ofrecen por prezos módicos bolsos igualiños, igualiños aos que saen nas revistas de moda. As estratexias de márketing dos vendedores que pululan de feira en feira son responsables de parte do encanto que desprenden os mercadiños nas vilas do país. ¿Quen é capaz de resistirse a un «venga, que estamos que lo tiramos»?, ou ao «a ver señora, lléveselo que es una ganga». Como non todo vai ser de cor rosa chicle, e algunha mancha negra ten que ter o asunto, optemos pola paciencia e os nervos templados á hora de aparcar, que a compra da xornada xa nos alegrará o día.