Bahamonde tentará pechar a plantilla nestes días porque o «club non pode quedar paralizado»
16 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A asemblea do venres do CD Lalín continúa dando coletazos. Onte o concelleiro de Deporte de Lalín, Ramiro Ruibal respostou ás críticas dos asociados respecto da falla de apoio do Concello (nomeadamente a ausencia dunha subvención de arredor de 30.000 euros que o clube viña recibindo) afirmando que a Lei do Deporte impide que as arcas municipais destinen dita subvención económica ao clube ata que éste teña solucionada, a débeda con Facenda. Segundo Ruibal, o club xa non recibiu o pasado ano a subvención pola débeda que ten coa delegación de Facenda. O concelleiro de Deportes afirma que este ano o club xa non presentou a solicitude de subvención. Pola súa banda, o portavoz en funcións da xestora, José Manuel Bahamonde, afirmou que «cando non hai vontade, as cousas non se fan». O respaldo que o Lalín recibiu a pasada tempada dende o Concello concretaríase no mantemento do campo, o gasóleo, a luz, así como a explotación das vallas publicitarias, «un dos ingresos principais do club», lembrou Ruibal. Segundo o concelleiro de deportes, o propio Crepo e máis el encargaronse a nivel persoal ao principio de tempada de realizar algunhas xestións con empresas da zona solicitándolles o seu respaldo ao club, pero sen chegar a plasmarse isto en ningún tipo de acordo ou compromiso, «xa que non nos corresponde facernos responsables das contas da entidade», comentou o concelleiro. Polo que respecta ó tema de Facenda, Ruibal lembrou que o pasado mes de agosto xente do concello acompañou a responsables do CD Lalín á delegación de Facenda para ver como estaba toda a cuestión. Logo disto, dende a concellería de Deportes mantense que «todo pasa por abonar, cando menos, unha parte da débeda, xa que a partir de aquí o Concello podería respaldar ao club a través de subvencións», sinala Ruibal. Continúa o traballo Á espera da asemblea extraordinaria do vindeiro xoves, Bahamonde comentou que se pode, «tentarei pechar a plantilla porque o club non pode quedar paralizado, e menos nesta época». Respecto do interese do Deportivo por Rubén, o voceiro da xestora non tocará o tema e deixarallo á nova directiva.