TRIBUNA LIBRE | O |
29 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O PUNTO Limpo do Concello de Lalín, no polígono Lalín 2000, funciona dende decembro do 2004 e o teléfono para solicitar a recollida é o 986 792 012: as instalacións están atendidas, pero non chame vostede porque non hai ninguén ao outro lado da liña. O motivo non é outro que Telefónica está intentando «ayudarle». Quixemos saber onte como «nos ayuda» neste caso e fixemos a proba. Ás 9.30 horas, chamada dende o Concello ao 1004. Voz enlatada: «Bienvenido a Telefónica, línea de atención personal. Buenos días, consulte las ventajas que le da nuestro servicio de ADSL. Si desea información llame al 11822; para otras actuaciones, por favor espere». Soa música dez minutos, e logo de novo a voz: «Por favor, pulse la tecla estrella». Pulsamos: «Por favor, diga el número completo de teléfono para el que desea reclamar la gestión». Decímolo. «Si desea ser atendido en castellano, diga castellano; se desexa ser atendido en galego, diga galego». Decimos galego. «Diga exactamente a consulta que desexa formular»; decimos que temos pendiente a súa amable xestión de instalación dunha liña no punto limpo de Lalín; «¿Ten vostede máis liñas de Telefónica contratadas?». Decimos que sí. Damos o número, e a voz di «Por favor, para esa xestión chame vostede ao 900 555 022». Son as 9.45. Chamamos ao 900 555 022. Mesma voz enlatada: «Buenos días, bienvenido al servicio de atención Pymes, por favor pulse la tecla asterisco». Pulsamos. Retahíla de opcións, e música seis minutos. Por fin, unha operadora. Explicamos que levamos dende o 19 de decembro do 2004 para poñer un teléfono no Punto Limpo de Lalín: «Desde el número que llama no puedo hacerle la gestión, es un número de Pymes, tiene que llamar al 1004». O noso cabreo multiplícase. Fainos o favor de pasarnos a unha operadora do 1004: repetimos a explicación, e pásanos co servicio técnico: «Sí, está solicitado del 19 de diciembre; no podemos concretarle más. Está a la espera de solución». Colgamos; son as 10.05: ¿serán así as solucións ADSL de Telefónica? Nin gañas de probar.