O Lalín deberá negociar a continuidade da columna vertebral do equipo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

Ramón, Enrique, Marcos, Nando, Ángel e David Soares rematan o su contrato co club o 30 de xuño Directiva e corpo técnico coinciden á hora de pretender seguir contando co bloque actual

30 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A gran campaña asinada polo Club Deportivo Lalín na Terceira División converteu a unha parte importante do seu plantel en bocado apetecible para moitos equipos interesados en reforzarse de cara a vindeira tempada, como demostra a marcha xa confirmada de Senel ao Deportivo B. É por iso que os responsables da entidade roxinegra terán que darse presa para amarrar o resto do bloque co que José Manuel Alonso Acevedo traballou nos últimos dez meses. A continuidade da columna vertebral do conxunto dezao está nestes momentos no aire. Ramón, Enrique, Marcos, Nando, Ángel e David Soares rematan contrato o 30 de xuño, polo que urxe que a xestora fale con eles canto antes. Sobre todo, se nos atemos ás palabras do seu presidente, José Manuel Bahamonde, que onte coincidía con Acevedo na aposta por conservar intacto o actual plantel de cara a Liga 2005/2006, coa excepción do xa mencionado Senel. Plantel curto e máis xuvenís Nesa liña, Bahamonde falará cos 16 xogadores do primeiro equipo antes de que marchen de vacacións, a mediados de xuño. Para entón «quero ter pechado o apartado das renovacións e das baixas», di. Respecto ás fichaxes, chegarán moito máis a modo, como é habitual. O propósito da directiva é que os novos nomes do C.D. Lalín sexan da zona, ata completar unhas 18 fichas, tope que en principio se marca Bahamonde dentro das restriccións que seguirán caracterizando o orzamento da vindeira campaña. Condicionante este co que xa conta o adestrador do C.D. Lalín, esperanzado en poder dispor de alomenos un reforzo con experiencia por cada liña. Os xuvenís Pinche, Matías, Luis Carlos e Michi poderían incorporarse tamén ao primeiro plantel tras rematar a súa etapa de formación, e sumarse así aos xa fixos Javi e Dani. Todo dependerá da súa disposición para co equipo, que poderán probar de inicio na pretempada. O Donramiro, que se convertirá en filial do C.D. Lalín se a asemblea roxinegra así o aproba en próximas datas, sería o seu outro posible destino de non dar o nivel esixido polo preparador asturiano. Sobre a marcha de Senel, Bahamonde restoulle importancia. «Xa contabamos con ela. Se non era o Deportivo era o Zaragoza ou o Atlético de Madrid quen o levase. Nós non chegamos a presentarlle unha oferta de renovación, porque contra estas noivas non podiamos facer nada. Deséxolle o mellor, e aledámonos de terlle servido de trampolín. El pola súa parte cumpríu connosco». Acevedo considera o adeus do seu pichichi como algo «lógico». «Es un chaval interesante, con buenas condiciones técnicas y físicas, que todavía puede progresar. Y además es muy luchador. Tiene que controlar su hiperactividad, pero eso se lo dará la edad».