Dez anos sen Chano

A BALADA DO CANDÁN | O |


MAÑÁN cúmprense dez anos desde a morte de Chano Piñeiro, un tecedor de soños. Alguén dixo que a memoria é o poder de amorear rosas no inverno. Unha das rosas máis prezadas da nosa cultura é Chano, o home que levou o cinema galego á súa maioría de idade, e puxo tanto empeño no esforzo que acabou coa pouca saúde que tiña. Non quero reivindicar a Chano coma un mártir, pero si como alguén que renunciou a moitas comodidades para que o cinema galego fose un pouco digno. Estes días, desde o venres ata mañá, a TVG tivo a feliz iniciativa de recuperar as mostras de cine que nos deixou Chano, as catro películas que saíron da súa imaxinación e foron vistas no seu tempo por tódolos galegos que quixeron aproximarse ás salas. As dúas que realizara antes do seu éxito «Mamasunción» non foron vistas por todo o mundo porque están nun formato non profesional. Desde esta páxina quero facer votos para que a iniciativa de poñelas en formato apto para seren vistas sexa tida en conta. É un deber para con quen fixo tanto polo noso mundo visual. Sei que está en marcha outra iniciativa para que lle sexa dedicado o día das Letras Galegas. Tamén me sumo, desde logo, a esa intención, porque Chano fixo máis pola promoción da nosa cultura ca moitos dos que recibiron tal honra, non porque estes tiveran menos méritos, senón porque todos sabemos que o audiovisual ten máis repercusión. De feito, soa case impensable xa non só que en lugares tan distantes e diversos coma Oberhäusen, Cracovia, Sydney, Montreal, Toldheim, Uppsala ou Tetuán saiban algo da obra de López Abente, Leiras Pulpeiro ou Francisca Herrera, senón mesmo que escoitaran algunha vez falar deles, e en cambio si foron testemuños da proxección da curtametraxe máis senlleira do noso cinema, que foi tamén galardoada nalgunha desas cidades. Chano paseou o nome e a alma de Galicia polo mundo adiante. Vai sendo hora de que lle recoñezamos todo o que fixo por nós. En Forcarei estamos a tentar poñer o noso gran de area, pero esa é outra historia, da que xa terán cumprida información. Unha rosa para Chano na invernía. Rochi@forcarei.net

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Dez anos sen Chano