Modern Times

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O OUTRO día púxenme a lembrar vellos tempos, nada lonxano, só os 60, 70 e 80 do pasado século. E caín na conta de que os yeyés e os hippies, que despois foron yuppies, están case gagás. Xa quedan poucos punks, menos rockers e ningún «mod». O tempo corre «fast» e non hai «stop». É unha desgracia este vivir con «stress», sen tempo para un «kiss». Muñoz Molina, en Ardor guerrero -lembranza da mili que fixemos os que a fixemos-, dinos: «Y sin embargo el tiempo en el que vivíamos era eterno de tan exactamente repetido, y es a discordancia entre la eternidad y la duplicación idéntica de los días y el ansia nuestra de que pasaran cuanto antes terminaba por sumergirnos del todo en una ausencia perpetua de certidumbres temporales». Ó final vai resultar que a mili ata nos «acougaba», e foi despois dela cando viñeron o paroxismo e a vehemencia continua. ¡Que raio de tempo o que engastalla o noso vivir moderno e non nos deixa nin parármonos a mexar con certa parsimonia!. Todo o hai que facer ás carreiras. O tempo é coma un abano que se vai enchendo de si mesmo. O tempo é dono das ausencias e escravo de ninguén. Estamos feitos de tempo, de soidade e de amor, di Antonio Gala. Había tempo que non facía un tempo coma este neste tempo, di Basilio da Mámoa. O tempo, o que nos preocupa cando non o temos, o que nos turba cando non sabemos que facer con el, o que nos ofusca cando nos sobra. Lese unha frase na entrada do museo de México D. F.: «Toda luna, todo año, todo día, todo viento camina y pasa también. También toda sangre llega al lugar de su quietud». Pero mentres non chega esa quietude, ese sosego -que ninguén quere- a vida non é máis ca ansiedade, temor, desacougo. Todos estamos na gaiola do tempo que nos conduce á morte -Paul Bowles dixit- e, nos tempos que corren, case non hai tempo para descansar ata que chega precisamente a da gadaña, a que non ten présa, pero que nunca chega tarde. Ela é, tamén, a única democrática, a que iguala ó rei co plebeo e ó plutócrata co desherdado. Por fin, o descanso eterno. Pero ninguén quere descansar. ¡Que sorte para os psiquiatras e os boticarios!.