A BALADA DO CANDÁN | O |
15 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.UN SEMPRE pensa que a estupidez humana ten límites, pero hai xente empeñada en desmentirllo. Agora, sobre todo entre políticos políticamente correctos, púxose de moda o de todos e todas, galegos e galegas, composteláns e compostelás, etc. Mesmo semella que cando un se refire os andaluces, así en xeral, por pór un exemplo, quedaran fóra as andaluzas, ou cando un se refire xenericamente ó home, esa categoría non englobara á muller sen ter que dicilo explicitamente. O colmo veu hai uns anos da man da señora do ex presidente do Goberno, Felipe González, cando soltara aquela perla de «los jóvenes y las jóvenas». E é que, cando un xoga con tonterías, corre o risco de volverse tonto, aínda que só sexa temporalmente (ou temporalmenta). Estou segurísimo, aínda que xa sei que non é o mesmo fenómeno gramatical, de que ningún xirafo se cabrea cando alguén o nomea dentro do concepto común das xirafas, ou de que ningunha «sapa» se pon histérica cando se alude a ela dentro do xenérico sapos. Teimamos na mesma estupidez sempre, igual ca no tema da «violencia de xénero», cando no noso país, xénero non ten acepción sexual, senón sinxelamente gramatical. Pero como traducimos literalmente dos ianquis, que foron os que cuñaron o termo, e para os que «gender violence» si que significa violencia de sexo ou entre persoas de distinto sexo, pois ala, a facer o mesmo sen pensar que o estamos facendo mal gramaticalmente falando. E así falamos e así lle vai o idioma galego, ou o castelán, mortalmente feridos ámbolos dous polo mal uso que deles fan locutores (e locutoras), políticos (e políticas), estudiantes (e estudiantas), xanízaros (e xanízaras) e demais castes de individuos (e individuas). O noso coterrán Julio Camba dicía que un idioma que estivese obrigado a se axustar á gramática sería algo así como unha natureza que tivese que se axustar á historia natural. Pero seguro que o ilustre humorista estaba de acordo, alomenos, con que tampouco se tería que axustar á idiocia e á falta de sentido común. Hai cousas que se retrotraen a tempos ben antigos, e teñen que cambiar, pero terán que cambiar para mellor, porque se é para peor, é mellor deixalas como están. ¿Non vos parece a todos (e todas)?.