Unha fervenza de escritores

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O PASADO VENRES 19 tivo lugar a presentación da última publicación de Edicións Fervenza, o Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes , do mestre e amigo Carlos Loureiro. Este artigo non ten outro obxecto ca salientar algo que o propio Carlos nos fixo ver a todos na presentación: a cantidade e calidade dos autores da nosa comarca. Contamos, nestas ancestrais terras da Estrada, Forcarei, Cerdedo e Beariz, e dentro do mundo dos escritores na nosa lingua, con dous ex vicepresidentes da Xunta, catro membros da Real Academia Galega, un da «Real Academia de la Lengua Española», unha «Encomienda de la Orden del Mérito Civil del Rey de España», dous xograres medievais, dúas «Cruces de Alfonso X el Sabio», un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, membros do Instituto Padre Sarmiento e un homenaxeado co Día das Letras Galegas. Tamén contamos con laureados nos seguintes galardóns: Medallas de Galicia, Medallas Castelao, Pedrón de Ouro, Mestre Exemplar, premio Ramón Piñeiro de Ensaio, Salmón de Ouro, premios San Martiño, Mellor Gaiteiro de Galicia, premios O Barco de Vapor, premio Nacional de Radio, premio Roberto Blanco Torres ou Avelina Valladares, premio Eduardo Blanco Amor e Modesto Rodríguez Figueirido, premio Literario Internacional de Vigo, Francisco Añón de Poesía, de Investigación en Ciencias Sociais da Deputación de Pontevedra, da Crítica de Galicia, premios Once Galegos de Hoxe, Nacional do Ministerio de Educación, premio ás Teses Doutorais da Deputación pontevedresa, Reimóndez Portela de Xornalismo e Camilo José Cela de Narrativa, entre outros. Dixo unha vez o poeta que na vida non hai premios nin castigos, senón consecuencias. A marabillosa consecuencia de todo isto é que gozamos na nosa terra, na nosa lingua, da maior riqueza da que pode gozar unha terra que se preze: a riqueza do saber. E a misión de saber que o saibamos foi asumida de xeito ilusionante polo amigo Carlos Loureiro. Ánimo a él e a Edicións Fervenza, unha fervenza de ilusións, unha fervenza de escritores.