Entrevista | Conchita López COORDINADORA DO PROGRAMA «PREESCOLAR NA CASA» PARA A PROVINCIA DE PONTEVEDRA Formar aos proxenitores na educación infantil é o obxectivo dun programa que se presentará mañán en Lalín
27 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A presentación do programa Preescolar na casa. Educar en familia terá lugar mañán, a partires das 16 horas, na Casa da Xuventude de Lalín. -¿Cal é finalidade deste programa? -O nacemento dun cativo supón certa desorientación e, aínda que os pais coidarán o neno o mellor posible, sempre se pode mellorar nesa difícil tarefa da aprendizaxe. Nós o que pretendemos a través do programa é formar aos proxenitores, dialogar e reflexionar sobre as actitudes dos cativos. É un programa no que falamos da alimentación, da prevención de accidentes, linguaxe e mesmo da necesidade que tén o neno de xogar. -¿Quenes poden tomar parte no mesmo? -Está aberto a todos aqueles pais e nais que teñan fillos de entre 0 e 3 anos, xa que a partires desa idade xa se escolarizan. O ideal é que o grupo non sexa superior ás dez familias e terá unha duración de dúas horas cada quince días. -¿Medrou o número de nenos no rural? -Para nada. As nosas aldeas estanse a quedar sen nenos pequenos. Na meirande parte só atopamos un menor de tres anos no lugar e non tén con quen xogar. Por iso tamén é importante que veñan cos seus pais ás reunións para poder estar con outros cativiños. No caso do casco urbán de Lalín a realidade é outra e, segundo un listado que me brindou o Concello, o número de nenos menores de tres anos elévase a trescentos. -¿Cales son as principais dúbidas dos pais? -Actualmente estou impartindo este programa en varias parroquias dos Concellos de Rodeiro e de Agolada e alí, coma en moitas partes, os pais preguntan polos hábitos alimenticios dos rapaces, as normas de convivencia cos adultos para que sexa armoniosa, televisión... As preguntas son dispares.