Entrevista | Juan Salgueiro A Festa da Empanada celebra o seu trinta aniversario con forzas renovadas pero tentando preservar o espírito das tradicións seculares e das romarías populares galegas
19 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Hai trinta anos comezou en Bandeira a Festa da Empanada, un encontro que, co paso dos anos, se convertiría nun referente gastronómico e festivo. Dende os seus inicios Juan Salgueiro, actual presidente da Asociación de Amigos da Empanada, está vinculado coa organización da popular festa. -¿Cómo xurdiu a iniciativa dunha festa adicada á empanada? -Empezou hai trinta anos como unha idea de facer unha romaría gastronómica. Daquela en Galicia había soamente catro ou cinco encontros gastronómicos importantes, e nós optamos pola empanada porque era un plato moi galego e moi popular, algo tanto de ricos como de pobres. -¿Cales foron os primeiros pasos do encontro? -Comezamos indo un grupo de amigos a unha carballeira da localidade cunhas empanadas, e de aí acabamos no que hoxe se celebra. O primeiro ano houbo xente de Bandeira que non se achegou ata alí. Seríamos sobre 400 persoas, e hoxe superamos as sete mil. -En trinta anos, evolucionan moito as cousas, ¿cales son as maiores diferencias respecto a aquel ano 1974? -Xa na segunda edición houbo un cambio importantísimo, que foi o traslado da festa a un lugar máis amplo e aberto. Achegámonos máis o centro de Bandeira, co cal vives a festa moito máis de preto. Ademáis agora as peñas son moito máis amplas, témolas ata de 200 persoas, cando antes a media podía estar sobre vinte comensais. -A empanada é xa un referente das festas gastronómicas galegas, ¿non? -Sí, ven xente de numerosos puntos de Galicia, e mesmo de outros lugares, pero tampouco queremos que se nos vaia isto das mans. Hai que ir paso a paso para que a xente se sinta agusto. De pouco vale ser moitos se non estás cómodo nin está ben organizado. -¿Cal é a gran novidade desta trixésima edición? -O pregón. Ata o de agora sempre fora lido por persoeiros famosos ou populares, xente do mundo da cultura, como Cela, comunicadores como Ónega. Este ano será algo moi especial, será o grupo Xirandola o encargado. Tentarán ligar a empanada coa música e o baile. Penso que será moi bonito. -¿Cales son os plans de futuro para a empanada de Bandeira? -Estamos traballando para conseguir un taller da empanada tradicional en colaboración co plan Leader. Queremos manter vivo o espírito das tradicións seculares dándollas a coñecer á xente. Procuraríamos tamén buscarlle o xeito de que se sosteña comercialmente. -Invite á xente a achegarse a Bandeira. -Que veñan todos a pasalo ben e a compartir coa familia e os amigos. Volverán á romaría galega e ás costumes, e sobre todo, compartirán, porque a empanada é compartir.