A miña lingua

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

31 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MOITAS VECES teño dito que non teño nada en contra do castelán. Reitéroo unha vez máis e digo que alterno o galego e o castelán con preferencia polo primeiro, que é a miña lingua nai. Pero dun tempo a esta parte decátome de certo victimismo por parte dos que pensan que o galego está nas últimas. Pode que acudan á estatística (ese xeito de mentir do modo máis grave contra o que nos advertiu Mak Twain) ou pode que realmente sexa así. Contra eles non vale argüír que nunca tantos libros en galego se publicaron (ó mellor pensan que de nada serve publicar se non se le, pero ese é un mal endémico e non só de aquí, non só de nós) nin que tamén se están a facer moitas cousas no audiovisual con uso do galego. Se cadra por deformación xeográfica eu non o vexo así. ¿Por que? Porque eu, desde que me ergo pola mañá (desde que estou dereito, como é de galego propio) ata que me deito pola noite non oio case outra cousa que o galego, falado, recitado, cantado e mesmo repenicado. Ó mellor os que se queixan, xa digo, deberían virse para o interior, que está ficando despoboado, e enfiar aquí unha nova vida onde, se oen falar outra cousa que non sexa o galego máis ancestral, mesmo ritual, será porque acenden a televisión ou a radio. E digo esto porque se o rural galego soportou os 40 anos da longa noite de pedra sen se desleixar da súa lingua, a mesma que seguen practicando -aínda mellor có 90% dos locutores da TVG-, a min dáseme que seguirá aguantando 100, 300 ou 1.000 anos máis con esta nosa lingua. Alonso Montero dicía que el era castelánfalante só na cultura letrada, é dicir, na escola e na catequese. Os que fomos nenos no rural na España de Franco medramos así: na escola e na catequese falabamos e escribiamos en castelán, na casa falabamos/mamabamos galego. Tamén dicía Castelao que o ruralismo é outra cousa que mexar contra un pao ou vomitar viño tinto. É moito máis: é sabérmonos os garante do uso da nosa lingua moitos anos. Anos nos que se falou maiormente castelán na cidade. Por iso moitos que comezaron a falar galego hai 15 anos pensan que está nas últimas. Nós somos optimistas. Incluso convivimos co castelán sen maior problema.