Reportaxe | O club bermellón en busca de fondos A falta de interesados no patrocinio en exclusiva do equipo, a directiva de Antonio Iglesias ofrece a opción de esponsorizar un ou varios dos números da equipación, e as camisolas dos reservas
29 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Que a necesidade agudiza o inxenio é unha desas verdades universais das que cada día atopamos miles de mostras no mundo enteiro. A penúltima proba ofrecéronnola os responsables do Club Deportivo Estradense. Fartos de buscar sen éxito un patrocinador para o equipo, optaron por iniciarse no sector da publicidade creativa. O resultado, unha proposta aparentemente innovadora coa que agardan conseguir unha das principais fontes de ingresos do club esta tempada. Consciente da perda de atractivo do conxunto bermellón tralo seu descenso a Primeira Rexional, a directiva decidíu transformar a equipación do Estradense en doce plataformas publicitarias independentes. Deste xeito, as empresas e demais negocios interesados en colaborar económicamente coa entidade deportiva poderáno facer mercando o espacio dunha camisola ou de varias delas, desde a 1 do porteiro titular ata a 11 (os números serán distribuídos por sorteo). Ademais, tamén se poderá patrocinar as camisolas dos xogadores suplentes, os números 12, 13, 14, 15 e 16, que se adxudicarán conxuntamente «para que ao anunciante lle compense polos 90 minutos que en teoría estarán no campo os xogadores titulares». Así o explicaba onte o tesoreiro do C.D. Estradense, Xoque Carbajal, quen comentou que xa hai varias firmas interesadas na idea. Sobre o prezo por camisola, dixo, «agardamos concretalo a comezos da vindeira semana». O club manterá aberta a solicitude de números ata o vindeiro 10 de agosto.