O SOL | O |
05 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O CENTRO DE Galicia non é precisamente o recuncho máis caluroso do país, pero, sen dúbida, cando Lourenzo quenta, o mellor é buscar unha sombra. A pesares de que estes días os ceos xa non son tan azuis como a semana pasada, non cabe dúbida de que os rigores do verán están aínda por vir. Ano tras ano, cando o mercurio sobe por riba dos trinta graos, buscamos desesperadamente trebellos e paraxes que nos fagan máis levadeiras as horas. Cando se trata de loitar contra o calor, existen métodos e sistemas para todos os padais. Dunha banda están eses modernísimos e innovadores aparellos de aire acondicionado que semellan cadros e que presumen de chamativas cores. Sí, eses que non deixan afónicos os loros pero que nembargantes son quen de detectar problemas de falta de autoestima en personaxes neuróticos. Se o que buscamos é algo máis tradicional e menos dixital podemos optar polo clásico ventilador. Un obxecto que nunca pasará de moda. Ano tras ano reinventan os deseños e modifican os modelos para engadirlle notas de cor que o fagan distinto, pero un ventilador será sempre un ventilador. Iso sí, se non temos ningún na casa, xa podemos apurarnos a mercalo, porque senón pódenos pillar o tren como o verán pasado e quedarnos sen o aparatiño. Para os amantes do enxebre, a solución ás temperaturas asfixiantes pasa por algo máis ecolóxico e que non precisa de enchufes. ¿Que mellor que un baño no río ou unha siesta nunha carballeira? ¿Pode haber algo máis refrescante? A propia natureza é quen de proporcionarnos o mellor refrixerio. Como diría o anuncio, volvamos á orixe.