O CRISOL | O |
19 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.OS DISFRACES son estes días os protagonistas das rúas. O fin de semana pasado empezamos a desfrutar do entroido co pistoletazo de saída que supuxeron as primeiras ceas de colectivos, o Alto dos Xenerais de Merza ou as coplas de cego en Ouzande. Onte e hoxe son os rapaces dos colexios os que enchen de colorido as rúas. Nos escaparates dos comercios vense ós disfraces agardando porque alguén se decida a compralos, xunto con máscaras e antifaces. Hai anuncios de que se alquilan traxes. E con tanta cousa, a roupa vella, queda nos armarios e nin se usa por estas datas, os únicos días do ano nos que ata fai pouco saían do armario con ese cheiro característico de levar tempo encerradas. Agora hai que disfrazarse de Spiderman, poñer a careta dalgún político da actualidade ou facer un traxe de «deseño» xunto con varios amigos. Tampouco fallan os clásicos traxes de Caperucita ou de Brancaneves, pero xa competindo en desigualdade con outras personaxes do mundo televisivo. Atrás quedou a imaxinación de todos aqueles que se pasaban varias horas en busca da roupa vella máis rechamandeira, uns zapatos de varios anos ou o traxe de noiva da nai. O tempo no que cando estabas comendo en familia chegaban uns «velliños», a cada cal máis feo, para pedir un pouco de comida ou algúns cartos para despois repartir entre o grupo. Pero sempre hai algúns dispostos a votarlle imaxinación e non gastar os cartos nun disfraz para un día. Onte mesmo unhas rapazas usaban as colchas como vestido. Eso si, cada vez hai menos xente que poña a máscara e vaia a divertirse máis aló dos concursos organizados ou no colexio. ¡Co bonito que é falar coa xente sen que te coñeza!