Entrevista | José Miguel Martínez Barreiro O piloto estradense rebosa ilusión e xa pensa en tentar acabar co dominio de Senra no 2004 para recompensar á moita xente que o está apoiando
17 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.José Miguel Martínez Barreiro demostrou ser un home inmune á frustración. Vencedor o pasado sábado na derradeira proba do Campionato Galego de Rallies, o do Botafumeiro, como líder provisional da competición, víu como Senra se alzaba co título pesie a rematar terceiro. Nunha mostra de extremada madurez, o piloto estradense rebosaba onte ilusión. Valorou o seu subcampionato como o triunfo que é e xa pensa en voltar a por todas no 2004. -¿Sorprendido polo seu excelente debú no Campionato Galego de Rallies? -En parte si. Pero por outro lado todos no equipo traballamos moito e preparamos a conciencia cada carreira. Imos a tódalas probas mentalizados para gañar, polo que cando o facemos tampouco nos sorprende tanto. -¿A que lle sabe o subcampionato? -Tal e como rematou, sábeme a victoria. Temos máis puntos e carreiras rematadas có campión. Chegamos ó derradeiro ralli líderes e gañámolo, que era o que tiñamos que facer, pero o sistema de clasificación é como é. Eu síntome moralmente como se tivese gañado o campionato. -Non parece xusto que vostede, con sete podios en oito carreiras, non gañe o título fronte a un rival que só acabou cinco probas. -É un tema no que non me meto. O regulamento está aí para todos antes de comezar o Campionato. Este ano favoreceu a Senra, pero o que vén quizais me beneficie a min. -¿Cales son as bases da súa gran tempada? -En primeiro lugar, o labor de José Manuel Rey, o meu mecánico de toda a vida. Gracias a el o coche funcionou á perfección, e iso dáche moita tranquilidade. O seu traballo e a nosa regularidade nas probas foron as claves. -¿Agardaba chegar tan alto cando comezou no mundo da competición? -Nunca sabes a onde vas chegar. Sabes que che gusta correr e tes fe en ti mesmo, pero todo o mundo a ten para consigo e poucos son os que chegan arriba. Eu sabía que tiña posibilidades de entrar na elite do automobilismo, pero non ata que punto. Aquí, en Galicia, o nivel é moi alto. -E agora, ¿que? -A nosa intención é tentar de novo a asalto ó título galego de rallies o vindeiro ano. E se o coche resposta, creo que imos ter opcións de victoria desde a primeira carreira. No 2004 querémoslle ofrecer á afección un bonito campionato autonómico. E se gaño, dedicareille o título a toda a xente que me apoia. Unha das cousas que máis me sorprenderon esta tempada foi ver pintadas co nome do noso equipo en rallis como o de Narón. Fora onde fora parecíame que estaba correndo na casa. Iso éncheme de orgullo, e por iso quero voltar a tentar gañar o vindeiro ano, para recompensar ese apoio. -¿É vostede o sucesor de Manuel Senra? -Véxome con posibilidades de selo. Este ano xa estivemos preto. Chegamos á derradeira proba líderes da clasificación e con opcións ó título sendo máis regulares cá el. O vindeiro ano tentaremos desbancalo, e coa experiencia acuñada esta tempada teremos máis opcións de conseguilo.