Imposible contactar

DEZA

O CRISOL | O |

24 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

RESULTA PROFUNDAMENTE desesperante cando chamas a alguén e te atopas de súpeto con unha odiosa e retorcida voceciña que che solta iso de «El teléfono mobil al que llama está apagado o fuera de cobertura en estos momentos». Iso é insoportable. Claro que aínda pode ser máis traumático cando por riba de non conseguir contactar coa persoa que buscas, te das de bruces con un contestador automático dispostísimo a facturar para a empresa telefónica as palabras que non cruzaches co teu receptor. Supoño que os pobres homes e mulleres, amáis de computadoras, que prestaron o seu tono e o seu timbre para as respostas automáticas dos teléfonos non teñen culpa de que a metade do mundo esté sen cobertura e que a outra metade teña o aparatiño apagado. Outro deses avances case diabólicos en telefonía son as ás veces insoportables musiquiñas de fondo que buscan entreter ó ouvinte mentras espera que o poñan en contacto con outra persoa. Só queda lembrarlle ó mundo que os teléfonos son para ter acesos, e os contestadores, ben, os contestadores mellor deixalos para outra hora.