Xaquín Chaves repasa os seus dez últimos anos de traballo na Casas das Artes de Vigo O bosque de Trazos e Cronos sinala dúas formas paralelas na abstranción do pintor arousán
13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Xaquín Chaves fai recapitulación dunha década de pintura na Casa das Artes de Vigo. Unha década de tanta amplitude como profundidade nunha pintura que se ten movido a contracorrente das estéticas dominantes na plástica. A pintura de Chaves ten un indisimulado corpo lírico, pero están malos tempos para a lírica. Están malos tempos para unha pintura que responde a unha tradición do silencio ou da introspección. A do pintor nacido en Vilaxoán de Arousa é unha pintura lírica, directamente relacionada coas primeiras vangardas neoirquinas que tanto dubidaron entre a acción e a poesía, entre o exercicio e o ambiente. É un dilema que as vangardas dos cincuenta entenderon como unha contraposición, como correntes contrarias para unhas mesmas etiquetas e que na pintura de Chaves funciona de xeito complementario. De aí Trazos e Cronos, acción e tempo, ruído e silencio. O vello dilema do expresionismo lírico está asumido por Chaves como dúas liñas de acción quen teñen a mesma orixe. Unha delas é unha pintura de formatos máis grandes, con predominio de espacios de cor grandes, unha reflexión sobre a capacidade cromática para evocar, para convocar o silencio. Esta é unha pintura silenciosa, reflexiva. Que se vai concentrando en si mesma con calma, provocando no espectador esa sensación ambientes que, no caso de Rotkho foi interpretado como unha recreación relixiosa. A outra pintura da mostra viguesa é a que demostra o vigor do brazo do artista. Esta pode ser unha pintura instintiva, que se deixa seducir pola mesma acción de pintar. É unha pintura en quente, se vale a comparación, pero o seu fondo, as súas intencións, volven sobre as cuestións da lírica. Sobre a abstracción como unha linguaxe emocional que ten tantas posibilidades de ser como de representar. Esta é unha pintura de formatos moderados, con áreas fragmentarias e coas manchas de pintura como golpes sobre a tea.