O CRISOL | O |
10 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.EN PLENO século vinteun o home vive baixo o dominio da deseño. Dende o bolígrafo máis minúsculo ata o coche de última xeración están impregnados de pinceladas de inspiración que brotan de mentes privilexiadas que son quen de converter en distinto o máis común e en común o máis selecto. Dende a cadeira na que nos sentamos ata o coche que conducimos son fillos dalgún ideólogo con capacidade creadora e executora. Cando falamos de deseño xa non nos referimos só ó mundo da moda, porque cada día as liñas están máis difuminadas. Dende hai algún tempo os creadores de tendencias non se conforman con dicir o que hai que poñer, senón tamén con que hai que vestilo, e en que ambientes hai que lucilo. A moda deixou de limitarse á roupa para pasar a abranguer ámbitos insospeitados. Poucas cousas hai que sexan quen de resistir o envite e os novos aires que impón o deseño. Coches coa firma de Custo, bolígrafos e cadernos de Agatha Ruíz de la Prada ou teléfonos móbiles co logotipo de Verino, todo é deseño. Nada se salva, todo sucumbe ante o paso dos creadores de tendencias. Nun tempo no que todo, ou case todo, está inventado, o deseño convértese nun valor adicional que se renova constantemente e que permite subsistir a milleiros de persoas. Día tras día o vello volve a nacer, e faino gracias ós cerebros pensantes capaces de converter en novo o máis arcaico. Nada que obxectar, ou quizáis si: todo costa cartos, e dende logo, os obxectos de deseño valen o seu peso en ouro. Nun tempono que a inspiración escasea, cada gramo de imaxinación págase como se fose a última nota de cor nun mundo gris.