Nunha dura xornada con tres portos, o líder do Hierros Diego finalizou entre os 20 primeiros A proba remata hoxe con tres supervivintes da escadra de Oliveira
26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Notable. Esta é a nota coa que se podería calificar a actuación onte do Club Ciclista Estradense-Hierros Diego na etapa raíña da Vuelta a Zamora. Con tres portos de montaña en a penas 25 dos 136 quilómetros do seu trazado, a xornada resultou un verdadeiro calvario para os 80 supervivintes da serpe multicolor. Máxime, tendo en conta o forte vento que tiveron que sufrir durante boa parte do percorrido. Visto o decorado, o notable ó papel do Hierros Diego vén dado pola entrada do seu xefe de filas, Álex Marque, entre os 20 primeiros do día, unido á chegada a meta dos seus outros dous únicos compañeiros ata onte aínda en carreira, Luis Calvo e Juan Mourón. A xornada comezou movida. No quilómetro 7 un grupo de once homes demarrou e puxo a proba ó Cropusa Burgos, que tivo que tirar do pelotón en defensa do liderato de José Adrián Bonilla. A diferencia nunca superou o minuto ata que no quilómetro 64 se iniciou a ascensión ó primeiro porto do día, o Alto de Nuez. Coroado este, por diante só quedaron cinco, e por detrás o pelotón reducíase a 40, cos tres Hierros Diego incluídos. A perigosidade dos portos quedou patente coa caída de Pepe Carballo, do Vigués, que rompeu a cadeira. Este factor contribuíu a rachar a proba. José Medina (Chile), un dos once fuxidos do inicio, rematou chegando só á liña de meta. Hoxe finaliza a Vuelta a Zamora cunha etapa de 123 qms.