Taboada comeza o Nacional Infantil cun cuarto posto

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O nadador dezao fixo a súa mellor marca persoal nos 200 metros costas Pesie á súa excelente actuación, rematou a moita distancia do gañador da medalla de bronce

10 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A xoia da canteira do Club Natación Lalín e mellor deportista do Deza no 2002, Alberto Taboada, demostrou a súa excelente progresión na xornada de inauguración do Campionato de España Infantil que se celebra entre onte e o domingo en Valencia. Así o di o seu excelente cuarto posto na final dos 200 metros costas, cun tempo de 2 minutos, 16 segundos e 52 centésimas, a súa mellor marca persoal. De feito, Alberto xa batira o seu crono particular pola mañá, durante a disputa das eliminatorias de clasificación para a final, á que chegou cun máis que aceptable 2.17.43. O certo é que, ó contrario do que lle pasara a semana pasada á súa compañeira de equipo Alba Rubial no Campionato de España Alevín, Alberto nunca tivo opcións de medalla, quedando moi lonxe da loita polos preciados metais. Hoxe, a promesa da natación dezá afrontará os 200 metros braza. Nembargante, Carlos Carnero, director do Centro de Tecnificación de Ourense no que se está a formar Taboada, consideraba onte que para ver o mellor do seu alumno lalinense haberá que agardar dous días máis, ata o domingo, cando compita nos 400 metros estilo, a súa especialidade.