Paciencia, boa xente

FRANCISCO ROZADOS

DEZA

DICEBAMUS HERI | O |

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A MAIOR parte das veces non nos damos conta da calidade (e da calideza) da xente que nos arrodea. Un vello dito de Séneca proclamaba: «An dives omnes quaérimus; nemo an bonus» (Todos preguntamos se é rico; ninguén se é bo). Pola contra, Cicerón manifestaba que: «Nihil est tam populare quam bónitas» (Nada hai tan agradable ó pobo coma a bondade). Eu inclínome pola opción Cicerón. De seguro non acostumamos a lle dar importancia á bondade da xente, alomenos ata que, como tamén se acostuma a dicir, lle vai gardar os pitos ó cura ou, como soemos bromear na parroquia de Forcarei, pasa a ser veciño do monte Miau, o noso Walhala particular. O cal non quere dicir que non a teña. A importancia da bondade, e moitas veces dun signo externo dela como é a paciencia, é manifesta. ¿Por que?, porque nos fai a vida menos custa arriba -bastantes problemas temos nós xa para que por riba haxa que cargar cos dos demais-. Por iso é particularmente de agradecer que algunha xente teña unha calma infinda mesmo naquelas situacións nas que nós mesmos non responderiamos de non baixar tódolos santos do ceo en procesión ou de non xurar en arameo. Un autor a quen se ten por apoloxista da bondade, Rousseau, dicía que a paciencia é amarga, pero os seus froitos doces. Eu quizais sobrevalore esta compoñente ou signo externo da bondade precisamente porque son dos impacientes, a pesar de vivir no rural, no campo, na quietude arcádica que invocaba Muñoz Molina. Son dos que lle pediría a Deus, se estivese convencido de que existía: meu Deus, dame paciencia, pero dama xa dunha vez. Por eso, digo, admiro á xentiña que é leal ó principio natural que se explicita nesta frase: «Xa cruzaremos a ponte cando cheguemos ó río». Os impacientes vivimos menos e vivimos peor. Cada cousa ó seu tempo e cada tempo para unha cousa. O refraneiro galego é rico: «Non se pode estar na misa e repenicando», «mentres capo non asubío». A sociedade actual tende a mesturar os tempos. Seguro que era menos propensa a sufrir do corazón a xente que argallou aquel dito que se lle dicía a alguén que estaba sempre a nos meter présa: «paciencia, ratos, que ardeu o muíño». Paciencia é mestura de paz e ciencia. Paciencia, irmáns, e morreremos anciáns.