Ás portas de acadar un concelleiro quedouse o BNG de Rodeiro nas pasadas eleccións municipais de 1999. -¿Aspirarán agora a formar parte do governo? -Por suposto. Estamos convencidos de que teremos representatividade e de que sacaremos dous concelleiros. É máis, apoiaremos á lista máis votada pero non ó PP e coincidimos co PSOE de que o Partido Popular non pode continuar governando o Concello de Rodeiro. -Catro candidaturas nun Concello relativamente pequeno... -Coas catro listas rómpese unha tendencia bipartidista. O PSOE ten agora poucas posibilidades de acceder á alcaldía e imos conseguir o apoio dos nosos simpatizantes porque, aínda que non estivemos no Concello, traballamos en cuestións decisivas para o municipio como foi o caso dos parques eólicos, o transporte escolar dos rapaces ó instituto de Lalín e está recente esa usurpación de terreos que se quería facer a veciños de Rodeiro. A nosa implicación en todos estes asuntos foi constante. -¿Cales son os eixos do seu programa? -Estamos a falar de catro eixos de actuacións. Apostamos pola participación veciñal, por un proceso de democratización da vida municipal e por un desenvolvemento socioeconómico porque Rodeiro ten moitos recursos sin explotar. A posta en marcha dun parque empresarial público e un plan urbano son outras das nosas propostas.