O crego canteiro

FRANCISCO ROZADOS

DEZA

DICEBAMUS HERI | O |

26 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

VÉN DE PUBLICAR, nunha edición modesta, o coéngo da Coruña Manuel Espiña, unha pequena biografía de Manuel Fraiz Garrido, o cura que, entre outros, salvou de ser fusilado polo bando nacional na Guerra Civil a Alfredo Iglesias Álvarez, o líder sindical da parroquia de Presqueiras. Sabido é que os cregos non son santos da miña devoción, e sen embargo teños bos amigos que o son, entre outros Manuel Cabada e Manuel Espiña. Por eso este último me enviou uns exemplares do libriño, que me pareceu fermoso e ateigado de humanidade. E pareceume, ademais, que podería ser perfectamente, un tema apropiadísimo para unha novela, da mesma ou similar cadura cá de Javier Cercas, a exitosa e recentemente levada ó cinema por David Trueba Soldados de Salamina . Canas coma lanzas A guerra é o tempo no que as canas se volven lanzas, pero sempre hai algún detalle que nos axuda a crer no ser humano, milite en calquera bando e en calquera ideoloxía. No caso de Soldados de Salamina era un soldado republicano quen perdoaba a vida a un dos fundadores da falanxe; no caso do crego Manuel Fraiz era un do bando nacional, el mesmo, o que entregaba, se for preciso, a súa vida polos do bando republicano. A humanidade é como é, non se trata de cambiala, senón de coñecela, xa o dicía o historiador e político latino Salustio. A guerra debe de ser a situación onde mellor se pode coñecer a un ser humano. Humanidade destemida O caso deste crego, que era ademais de crego canteiro, foi un exemplo da máis destemida e afiunzada humanidade, aquela que o ilustrado Voltaire fixo súa nunha fermosa frase que sentenciaba: « Detesto o que di o meu adversario, pero daría a vida para que puidese seguir dicíndoo ». Esencia da convivencia Creo recoñecer nela, e polo tanto no testemuño que me aportou Manuel Espiña do crego canteiro, a verdadeira esencia da convivencia democrática, a que, por riba das ideas, dos partidismos e das posicións, coloca ó ser humano e á vida humana como verdadeiros valores. Se me apuran, como valores ós que se han supeditar tódolos demais, porque como tamén di o meu bo amigo Xosé Luis Barreiro, a vida é un ben absoluto, e a súa defensa non admite graos nin matices.