O Seguros Sanmartín perde tódalas opcións de disputar o título de Copa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

A escadra infantil saíu apalizada da súa visita á cancha do Liceo Casino de Vilagarcía (95-30) Con só seis efectivos, os estradenses remataron o partido con catro rapaces sobre a cancha

23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O Seguros Sanmartín víu sepultadas hai dez días en Vilagarcía tódalas súas esperanzas de clasificación para as semifinais da Copa Delegación Infantil, no partido de clausura da primera volta da fase previa. O seu verdugo, o Liceo Casino, que asoballou ó equipo estradense desde o comezo ó final do encontro, saldado cun escandaloso 95-30. Ademais de superar ó seu rival en envergadura, a escadra vilagarciana dobraba en efectivos os recursos de Bilba. Doce eran os arousáns por tan só seis os de Tabeirós. O adestrador do Liceo Casino aproveitou esta circunstancia para impor unha defensa presionante a toda cancha desde o primeiro minuto. Deste xeito, o Seguros Sanmartín chegou ó descanso completamente desfondado e 30 puntos abaixo. As desgracias dos visitantes non deixaron de acumularse trala reanudación. Pablo Bernárdez marchouse prematuramente ó banquiño eliminado por persoais ó final do terceiro cuarto, e ó comezo do último, Mario saíu lesionado. Deste xeito, o Seguros Sanmartín xogou os derradeiros oito minutos do encontro con catro. Lonxe de solidarizarse co seu opoñente con todo xa máis ca decidido, o técnico do Liceo Casino mantivo a cinco xogadores na pista e a súa defensa presionante ata o final. Con tres derrotas por tan só unha victoria, o equipo estradense quedou sen ningunha ocpión de clasificación para as semifinais. Agora, di o seu responsable, Bilba, «nuestro objetivo es ganar al Cesures en casa y al O Grove en Arousa» dando case por perdidas as súas vindeiras citas cos vilagarcianos do BBC e do Liceo Casino.