Todos escoitamos o saxo en Merza

DEZA

RASTRO DE AIRE | O |

31 mar 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

TEÑO TANTAS imaxes del na retina que se podería facer unha película. Soe ocorrer cos personaxes, coa xente que ademáis de pasar pola vida deixa rastro e un pouso imborrable. Ramón Guzmán, Capón para que non quede ninguén sin saber de quen falo, fixo unha escapada, foise a outros escenarios nunha tocata e fuga que nos deixa tristura. Encheúnos dunha tristura que no mundo da música e no de quen entende ós músicos é un sentimento fondo que ten parangón co escalofrío dun só de saxofón.... De saxo como o que acariciou tantos anos mentras susurraba coa Artística a muiñeira, o vals ou a marcha alí onde interesou, alí onde foi imprescindible para o triste ou o ledo que para todo serve a música. Das mil imaxes citarei tres. A ilusión con que me falaba fai vinte anos para unha reportaxe da banda. O sosego que mostraba no deambular pola carretera de Merza, de ida e volta de academia. E, a que fai de unha persona un personaxe:Capón coa batuta manexando a media ducia de nenos que pasaron de tocar canabelas de cebolo a ser gaiteiros de nivel mentras pensaban que estaban xogando. Esos valores só os pode ter alguen sensible, músico, que sinta a música. Onte tocou a Artística en Merza. Todos escoitamos o saxofón.