Despois de representar a súa obra Varietés por España, o grupo de títeres Seisdedos de Lalín comezará agora a traballar na creación de novas pezas
02 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Os compoñentes do grupo Seisdedos, Anxo García e Ignacio Vilariño, levaron o seu espectáculo Varietés a varias cidades e pobos de España. -¿Como xurdiron esas funcións? -Nós mesmos as buscamos. Tiñamos unha actuación pechada en Málaga e, despois de facer máis de mil quilómetros, buscamos outras funcións para encher a viaxe. Representamos a nosa obra nun pub de Burgos cunha función para adultos que gustou moito, en Ávila actuamos nun instituto para rapaces de doce a dezanove anos e en Campos de San Pedro realizamos representacións para cativos e para adultos. Viñemos moi contentos e nos piropearon moito en todas partes. -¿Teñen mellor acollida no sur de España os seus espectáculos? -A acollida penso que é a mesma pero o feito de que actuemos máis no sur en inverno é porque facemos espectáculos de rúa e alí podemos facelos sen problemas de choiva. De feito, en Málaga estabamos en camiseta. -Hoxe comezan outras representacións pero en Galicia... -Hoxe en Gondomar representaremos a obra Hip , hip, hurra de Viravolta, mañán estaremos en Redondela e o día 6 estaremos en Merza onde presentaremos a mesma peza que levamos a Málaga, Burgos, Oviedo, Ávila e Segovia. Por outra banda, o domingo estaremos xunto co grupo Froitos do Deza na cabalgata de Reis en Ourense. Alí levaremos varios cabezudos. Logo adicaremos estes meses a crear novos espectáculos. Recibimos unha subvención para facer Historia do soldado e imos colaborar tamén cos Quinquilláns.