«Os concertos dispararon o número de visitas»

Ana Conde LALÍN

DEZA

A Oficina de Información e Turismo está a piques de cumprir o seu primeiro mes de apertura neste ano. Isabel Lalín fai un balance das visitas recibidas

02 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Isabel Lalín é empregada da oficina dende a súa apertura hai 3 anos. Acostumada a atender a diario ós foráneos que se achegan a demandar información sobre a comarca, a moza asegura que xullo foi bastante positivo con un total de 200 visitas. -¿De onde proceden a maioría dos turistas? -A maioría son españoles e máis ben do interior, aínda que tamén se achegou xente do sur. Éstes son case sempre peregrinos que veñen facendo o Camiño de Santiago. -¿Non hai extranxeiros que visiten a vila? -Si, aínda que este ano viñeron menos que o anterior. Achegouse xente de Portugal, Arxentina, Venezuela, Francia e Bélxica. Os extranxeiros soen ser xente que está de paso na vila e que se dirixen cara Santiago ou ás Rías Baixas. ­­-¿Que é o que máis demanda a xente? -Hai preferencia polos espacios naturais. Desde aquí dirixímo-los maioritariamente cara Silleda, porque é unha zona onde poden facer visita cultural, paisaxística e ademáis tamén senderismo. É un sitio que gusta moito gracias ó Mosteiro de Carboeiro e ás cataratas de Merza. -¿Rexistráronse días punta en canto ó número de consultas? -Os dous días que máis visitas se rexistraron, e con diferencia con respecto ó resto, cadraron cos concertos da Foliada e co de Mago de Oz. Viñeron moitos mozos a informarse sobre onde podían comer ou durmir. -¿Turismo rural ou festas gastronómicas? -As dúas cousas, pero este ano sen dúbida triunfan as festas gastronómicas, sobre as que preguntan bastante máis que en anos anteriores.