Galiza Nova organiza un concerto no que actuarán catro formacións da zona
20 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A formación Galiza Nova de Lalín organiza o vindeiro 9 de agosto o segundo Lalín Musical. O acto, previsto para as dez da noite, no campo da feira vello da capital dezá contará coas actuacións de catro grupos da zona: Nemetóbriga, Distorsión Mental, Atmósfera:0 e Kambotes. Para algún grupo será a súa primeira actuación en Lalín. É o caso de Atmósfera:0, unha formación de xóvenes músicos que xa levaron os seus sons a Santiago de Compostela e San Vicente. Agora, terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos ó público da comarca. Atmósfera:0 presentará versións de M-Clan, 061 e Fito&Fitipaldis. O segundo Lalín Musical presenta unha novidade respecto a primeira edición. É a variedade de estilos que se poderán escoitar ó longo de varias horas; dende o folk que traerá Nemetóbriga de Monterroso ata o pop-rock de Atmósfera:0. Cabe suliñar que na a formación de Monterroso tén nas súas filas a músicos lalinenses. Por outra banda, a actuación en Lalín do grupo rodeirense Kambotes inclúese dentro dos numerosos concertos que a formación está a levar a cabo nestes meses de verán. O 26 de xullo participarán no festival «Rock no Camiño» que se realizará en Palas de Rei xunto ós grupos Tierra Santa, Mala Reputación e Barricada. Posteriormente, no mes de agosto ofrecerán sendos concertos na parroquia lalinense de Soutolongo e no Festival Puebla de Sanabria, en León. As datas previstas para ditas actuacións son o 16 e o 24 de agosto, respectivamente. Uns meses de verán nos que tamén actuaron na Sala Siroco en Madrid con Sublevados, Salida Nula e Censar e na Sala Camawey de Pontevedra. Con anterioridade, os compoñentes do grupo levaron a súa música a Lugo, Moaña, A Coruña, Oviedo e ó seu Concello de orixe, Rodeiro. Os organizadores deste Segundo Lalín Musical agardan a asistencia de máis de mil persoas a un concerto que é totalmente gratuíto e aberto a tódolos interesados. Galiza Nova congratúlase tamén de que o Concello de Lalín lles concedera o recinto do campo da feira vello para a realización desta actividade lúdica e festiva.