As comarcas celebraron onte varios actos para lembrar esta data e ó homenaxeado Frei Martín Sarmiento As comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes non se esqueceron de celebrar o día das Letras Galegas e sumáronse ós numerosas actividades que en toda Galicia se celebran por este motivos. Actos institucionais e de colectivos déronlle un pulo máis a lingua e homenaxearon a Frei Martín Sarmiento no día de onte. Algúns aínda seguirán durante esta fin de semana. Este é o caso dos actos organizados en Merza por varios colectivos para o vindeiro domingo pola tarde con música, literatura e teatro.
17 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A festividade las Letras Galegas non pasou desapercibida nas comarcas. En Lalín, os membros de Galiza Nova fixeron un ano máis o cambio de nome a Calle General Franco polo de Rúa Principal. En Silleda, inaugurouse na Casa de Cultura unha exposición sobre Frei Martín Sarmiento, que se poderá visitar ata o domingo. Na vindeira semana, esta mostra itinerante permanecerá no Auditorio de Lalín. Con motivo desta festividade, en Silleda tamén houbo teatro e actuou o grupo folk Lumberna. En Bandeira, os máis pequenos foron os protagonistas participando en xogos tradicionais preparados para eles polas asociacións Vista Alegre e Os Ultreias. O escritor cruceño Xosé Neira Vilas, pola súa banda, participou onte nunha reunión da Real Academia Galega celebrada en Pontevedra. En A Estrada a celebración do Día das Letras Galegas comezou ás doce da mañá coa lectura ante o monolito en recordo de Marcial Valladares, nos xardíns municipais, dun manifesto en defensa da lingua galega. Nel, o escritor e profesor estradense David Otero lembrou «diante do símbolo da devoción estradense ó señor de Vilancosta» que «o ano que vén teremos a obriga de celebrar o centenario da súa morte». David Otero animou ós presentes a aproveitar unha data tan sinalada para «anovar o compromiso de defensa da nosa lingua» antes de rematar o manifesto con dous vivas para A Estrada e para Galicia que precederon á ofrenda floral ó escritor local Marcial Valladares, realizada a dúo polo alcalde estradense, Ramón Campos, e o responsable do PP galego, Xesús Palmou. Para rematar o acto, a Banda de Música Municipal apurou o Himno Galego baixo a choiva. Xa pola tarde, o Museo do Pobo Estradense abreu o Triduo das Letras Galegas cunha presentación do xerente do museo, Olimpio Arca, e unha conferencia de David Otero sobre a língua. O alcalde estradense inauguro as xornadas, que inclúen unha exposición sobre os autores estradenses, un mercado de libros e unha sesión de lectura de textos en galego que continuará mañá e o domingo ás 17 horas.