CANTEIROS DE MONTES

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

23 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Os canteiros de Montes teñen o seu ben merecido monumento en Cerdedo, obra promovida pola Asociación de Amigos da Terra de Montes e levada a cabo polo escultor Enrique Velasco e a Escola de Canteiros de Poio. Nela figura unha lenda de Celso Emilio Ferreiro que é coma un canto á gloria desta caste de demiurgos das nosas pontes, alvarizas, cruceiros, hórreos e igrexas. Os canteiros de Montes tamén tiñan a súa propia linguaxe, e tamén as súas propias cántigas, máis ou menos salaces. Algunhas delas recólleas o libro Canteiros e Artistas da Terra de Montes e Ribeiras do Lérez, escrito polo crego Antón Rodríguez Fraiz no ano 1982, verdadeiro e exhaustivo índice dos nosos artistas e artesáns da pedra desde séculos atrás. Unhas falan de amores: «Lévame contigo, leva/ meu canteiriño da ialma;/ lévame contigo, leva,/ cando te vaias da casa». Outras falan de devocións polo único santo do noso autóctono santoral: «Meu San Gonzalo bendito,/ cantos milagres fixeches;/ pedinche un bo canteiriño/ e un canteiriño me deches». Outras mesturan os anceios amorosos cos da propiedade da terra: «Quen me dera, quen me dera,/ quen me dera o que non teño;/ un canteiro en Millerada e unha casiña en Soutelo». Falan outras de advertencias da maña en namorar dos canteiros: «Teño un fillo que é canteiro,/ moi lanzal e resalado;/ ten coidado, Maruxiña,/ Maruxiña, ten coidado». Existen algunhas fondamente líricas: «Broslador canteiro,/ home rexo e forte;/ brosla rosas de pedra/ no azur raso do ceo». Nesta obra imprescindible hai tamén unha copla no propio verbo ou latín dos arginas (os canteiros, no verbo): «Xan da Fustra vai rastreiro,/ a jarapica non ven;/ a culpa tena a manata/ que o manato non a tén». Pero había moitas máis, algunhas das cales foi recollendo outro investigador, tamén crego coma don Antón, Feliciano Trigo Díaz. No seu libro O Verbo dos Arginas de Avedra, outro monumento literario á cultura dos arginas, recompila todas aquelas que foi escoitando por terras de Cotobade, Cuntis, Ponteareas, Tomeza, Mondariz, Xestoso, Cerdedo e Forcarei. Coplas con saudade Son moi sonoras e de significados diferentes, pero moi marcados pola saudade da terra e mais polos amores, non sempre fieles. A máis coñecida, con moitas variantes segundo o territorio no que un a escoite, é a que di: «Verbo xido, miña purria,/ que intervas por areona,/ heiche de aniscar os zuros/ e mais rosmarche a morrona». Outra di así: «Arginas e corcobillas/ todeitos rosmando/ nas túas carillas», que vén sendo unha especie de saúdo con certa desconsideración para a familia do interlocutor, e que non cómpre traducir polo escándalo que pode xerar, sobre todo nas mentes benpensantes ou aburguesadas. Un falar que esmorece Toda unha mágoa que este fermosísimo falar vaia perdendo gonzos a cada ano que pasa, porque moi pouca xente se preocupa de tentar recuperalo. Non se lle pode recriminar a ninguén, porque verdadeiramente non sería unha tarefa doada, e compriría moito tempo que dedicarlle -vinte anos lle dedicou o crego Feliciano-.