Festival de Cine, para setembro

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O Concello de Lalín programa cursos de animación, proxeccións na rúa e seccións de vídeo

11 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Lalín celebrará por primeira vez este ano un Festival de Curtametraxes. A data que se baralla para o seu desenrolo é a semán anterior ás festas patronais, no vindeiro mes de setembro. No Museo Municipal de Lalín levouse a cabo onte a primeira reunión á que acudiron representantes das productoras existentes na vila e os lalinenses, Anxo García e Román Gutiérrez, que levan anos vencellados a este mundo. Unha reunión que convocou o concelleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a que asistiu tamén o animador socio-cultural, Damián Payo, e na que xa se plantexaron algunhas ideas importantes. Ó festival de cine poderán concurrir cintas de calquer rincón de España e Portugal e estableceranse dous premios, un de público e outro de xurado, de 500.000 pesetas (3.005,06 euros) cada un. Por outra banda, preténdense levar a cabo seleccións paralelas de vídeo, proxeccións nas rúas e cursos de animación. Cada colexio da zona poderá tomar parte no festival e presentar unha curtametraxe rodada polos nenos dos propios centros. Outra das ideas que se barallou na reunión de onte consiste en implicar no festival ó gremio da hostelería da vila para que se proxecten vídeos en ditos establecementos e que sexan valorados polo público que acude á cotío ós mesmos. O Festival de Curtametraxes remataría cunha cerimonia de clausura, presentada por un artista de renome, e premiaríase ó mellor actor e actriz de curtos de cine. As bases para os interesados en tomar parte neste festival poderían estar na rúa dentro de dous meses. Co gallo de perfilar cuestións organizativas, o edil de Cultura manterá na vindeira semán unha nova reunión cos productores.