Os centros comarcais organizan charlas sobre os residuos sólidos urbanos e a arte de convidar
08 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Os centros comarcais de Deza e Tabeirós-Montes programaron para o presente mes de decembro seminarios, charlas e exposicións. No Centro Comarcal de Tabeirós-Terra de Montes inaugurarase mañán unha exposición de óleos e tallas de Manuel Fernández Cruxeiras, un estradense que de xeito autodidacta, se adentrou no mundo das artes plásticas. O abstracto é o estilo no que se mergulla Fernández Cruxeiras. A mostra estará aberta ó público ata o día 30. Nas instalacións do Centro Comarcal de Deza está fixado para o 11 de decembro un seminario sobre A arte de convidar. Este seminario terá unha duración de catro horas e ó remate do mesmo ós alumnos recibirán un diploma acreditativo de asistencia. O custe do mesmo é de 3.000 pesetas (18,03 euros) por persoa. Achegamento ó euro Por outra banda, tódalas persoas interesadas no manexo dos euros (333 pesetas) poderán asistir a un taller que se desenvolverá o mércores, ás 16 horas, no Centro Comarcal de Tabeirós-Terra de Montes. Este taller enmárcase dentro da campaña de comunicación sobre o euro que está levando a cabo a Dirección Xeral de Política Financeira do ministerio de Economía e Facenda. No mesmo centro, o día 13 ás 20 horas, celebrarase unha charla sobre o Reciclaxe e tratamento de residuos sólidos urbanos dirixida a tódolos cidadáns en xeral. O estradense Xabier Troitiño Carbia, licenciado en Ciencias Biolóxicas, tratará aspectos como a problemática dos residuos e as alternativas de tratamento dos mesmos. Falará tamén das normas básicas de separación de residuos sólidos urbanos e da sociedade galega de medioambiente.